martes, 24 de junio de 2014

XOGA NO VERÁN!

Temos un verán moi longo por diante, polo que vos deixamos un LIM para que vos entreteñades xogando ao mesmo que aprendedes cousas relacionadas con esta estación tan desexada.

BO VERÁN AMIGOS E AMIGAS!

   

domingo, 22 de junio de 2014

CHURRASCO FIN DE CURSO!

Para festexar o último día de curso fixemos unha churrascada. Nenos, profes e coidadoras de comedor saboreamos un churrasco boísimo e uns cachiños de tortilla no patio cuberto do cole. E de postre... uns xeados cos que nos chupamos os dedos.
Mirade como desfrutamos desta comida!


sábado, 21 de junio de 2014

OS LABARTAPEDRA FESTEXAMOS O REMATE DO CURSO

O xoves pasado, despois da graduación dos Mamuts, os nenos e nenas de Infantil despedimos o curso cunha enorme festa no patio. Na compaña de todos os amigos e amigas pechamos unha etapa de xogos, ledicias, aventuras, sorpresas e moitos agarimos. 
Neste día estivemos rodeados de todos os nosos profes: a profe Marga, a profe Vero, a profe Marta, o profe Xaquín, o profe Jose, a profe Yolanda, a profe Mónica, a profe Chus e as nosas titoras Irene, Mónica e María. Tamén nos acompañou Isa a anterior profe dos Mamuts, a profe Beti e Isa a coidadora do noso cole.

MOITAS GRAZAS A TODOS E A TODAS POR UN CURSO TAN PREHISTÓRICO!



viernes, 20 de junio de 2014

PAN DE MILLO CON MIGALLAS

O mércores pasado tivemos o pracer de desfrutar do grupo de teatro pontevedrés Migallas, que nos deleitou coa obra "Pan de Millo", recollida no libro-disco do mesmo nome.
Foi unha actuación moi entretida que nos achegou ao mundo da música e a narrativa. Cabe destacar o carácter didáctico do fío condutor da obra, o proceso de elaboración do pan de millo, que foi desde a semente ata o pan que comemos.
Botádelle un ollo e desfrutade!



miércoles, 4 de junio de 2014

EXCURSIÓN A CARBALLO

O pasado xoves día 29 de maio fixemos unha excursión a Carballo, para desfrutar dunha exhibición da Garda Civil. Alí puidemos montarnos nas súas motos, observar as lanchas, os buzos de salvamento e facernos amigos duns animaliños moi especiais: dous cans moi bos, que son axudantes da Garda Civil nalgúns dos seus operativos. Como xa veredes nas fotos, algúns asustámonos un pouquiño por ter a estes animais tan pretiño de nós; pero todo quedou niso, nun susto. Mirade, mirade!



jueves, 29 de mayo de 2014

CONTOS CON SINDA E ISA

Este xoves visitamos a Biblioteca do cole para escoitar dúas fermosas e simpáticas historias, contadas pola profe Sinda e a profe Isa. A primeira foi unha historia con moita intriga e a segunda moi tenra. Que ben o pasamos profes!! Moitas grazas!



miércoles, 21 de mayo de 2014

WHAT CAN YOU DO?

No festival das Letras Galegas os pequenos e pequenas do Labartapedra cantamos en inglés unha canción titulada "What can you do?" Ensaiamos moito e o resultado foi espectacular! 

Profe Vero, moitas grazas por ensinarnos tantas cousas! 
Teacher Vero, thank you very much for teaching us so many things!



jueves, 15 de mayo de 2014

CONTOS DABOAPIPA

Neste xoves de Letras Galegas recibimos a visita do Grupo Daboapipa, que nos deleitaron con historias tan coñecidas como "A toupiña" ou "Os chivos chivóns" acompañadas dun toque simpático e músical. Foi un momento moi doce onde o pasamos "pipa".
Botádelle un ollo ás imaxes e mirade como desfrutamos!



miércoles, 14 de mayo de 2014

TITIRICLETA CON ANXO MOURE

Seguimos cos festexos da semana das Letras Galegas recibindo a visita de Anxo Moure, un simpático titiriteiro que chegou ao Labarta Pose nunha bicicleta de 3 rodas. Contounos unhas divertidas historias á par que reivindicativas, nas que resaltou a importancia do coidado da natureza, o respecto polos iguais e o non á guerra.
Deixámosvos unha pequena mostra da estupenda tarde que pasamos!



martes, 13 de mayo de 2014

CARREIRA POLA LINGUA!

Comezamos a semana das Letras Galegas coa V CARREIRA POLA LINGUA DO CEIP LABARTA POSE. Despois de poñer a camiseta, acudimos á pista verde onde nos esperaban os nosos compis de primaria. O obxectivo de infantil era conseguir formar o nome do poeta homenaxeado este ano: Xose Mª Díaz Castro. Para iso, cada parella collía unha letra dun saquiño, corría ata o punto oposto da pista e alí tiña que colocala no sitio correspondente para formar as palabras. Canto corrimos e que ben o fixemos!
Aquí tedes a mostra dunha tarde moi divertida!



lunes, 5 de mayo de 2014

EXCURSIÓN Á CORUÑA

Os nenos e nenas do Labartapedra vivimos un día moi emocionante coa saída á Coruña. 
Todos contentos subimos ao autobús para comezar o noso traxecto. Chegamos aos Rosales e alí xa nos estaban esperando para a preestrea de "A tropa de trapo na selva do arco da vella". Foi un filme moi divertido e sobre todo moi colorido, encantounos!
Antes de volver a subir ao autobús, fixemos unha pequena parada no centro comercial para xantar.
Logo arrancamos para o Aquarium Finisterrae, onde vimos todo tipo de peixes e animais marinos. Gustounos moito coñecer a Gastón e ver como comían as focas, foi impresionante! 
Despedímonos do Aquarium e subimos ao bus con dirección a Baio, foi un traxecto agotador, onde algúns aproveitamos para botar unha soneca e outros para seguir coa festa.



martes, 29 de abril de 2014

LA TROPA DE TRAPO

 A preestrea do filme, que fomos ver ao cine da Coruña, foi recollida nos medios de comunicación. Mirade, mirade!


sábado, 26 de abril de 2014

OS VERMES DA SEDA

Esta semana chegaron uns novos amigos ao cole, os Vermiños da seda. Estamos moi contentos na súa compaña e cada día aprendemos cousas sobre eles. Deixámosvos este conto para que vexades como son e o que imos ver nos vindeiros días.




jueves, 24 de abril de 2014

SEMANA DO LIBRO: VISITA DOS AVÓS DE HELENA E PEDRO

O mércores tivemos unha visita moi especial na biblioteca amarela, a señora Carmen (avoa de Pedro) e o señor Gerardo (avó de Helena), viñeron a contarnos cousas moi interesantes de cando eles eran pequenos. Entre anécdotas acerca da escola de antes, historias do traballo no campo e unha rolda final de preguntas pasamos unha tarde moi entretida. Queremos agradecer a Gerardo e Carmen a súa paciencia, amabilidade e cariño. Encantounos pasar unha tarde con vós!

martes, 22 de abril de 2014

SEMANA DO LIBRO: A PRINCESA PROMETIDA

Chegamos a unha semana moi importante no noso calendario escolar, a Semana do Libro. Durante estes días imos levar a cabo distintas actividades relacionadas co mundo dos contos.
Hoxe os nenos e nenas de Infantil, xunto cos nosos amigos e amigas de 1º e 2º curso, fomos á biblioteca amarela a ver un filme moi interesante chamado "A princesa prometida". 
Nesta fermosa historia un avó acode xunto ao seu neto, que está enfermo, para contarlle un conto como facía cos seus fillos. Ao principio o neno non está moi contento, xa que prefería estar xogando cos videoxogos. Pouco a pouco, o avó vaino conquistando cunha historia chea de aventuras, que atrae o interese do pequeno, e que o levan a pedirlle que volva máis veces con contos.
Como dicía  a poetisa Emily Dickinson "Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro", hoxe os nenos e nenas do Labartapedra fixemos unha pequena viaxe. E mañán?



martes, 15 de abril de 2014

CREA O TEU PROPIO DINOSAURO

Neste días estamos aprendendo moitas cousas sobre os dinosauros, un tema que nos encanta e co cal desfrutamos un montón. Aquí vos deixamos un pequeno xogo para que poidades crear o voso dinosauro.



viernes, 11 de abril de 2014

MONICREQUES: A GRANXA DE BIMBA

Para pechar o 2º trimestre, os nenos e nenas de Infantil, recibimos na nosa biblioteca a visita da Granxa de Bimba. Uns simpáticos monicreques que nos contaron as súas aventuras e desventuras dentro dunha granxa. Ao remate da función, puidemos ver como se movían os monicreques e ata probamos nós mesmos como movelos. Foi unha experiencia moi emocionante e coa cal desfrutamos un montón.



viernes, 4 de abril de 2014

CONTACONTOS: O APRENDIZ DE HOME DO SACO

Os nenos e nenas do Labartapedra tivemos a visita dun contacontos moi especial, enviado pola Editorial Anaya e chamado Iago López. Trouxonos un conto moi simpático que nos fixo rir a esgalla e co que pasamos uns momentos moi divertidos.





martes, 25 de marzo de 2014

MUSEO ETNOLÚDICO DE GALICIA - MELGA

O pasado xoves, os nenos e nenas do Labarta Pose, fomos de excursión ao Museo Etnolúdico de Galicia situado na vila de Ponteceso. Alí esperábannos con moita ilusión para explicarnos con agarimo como funcionaban tódolos xoguetes expostos nas vitrinas do museo. Vimos bonecas feitas con pel de cebola, xoguetes feitos con cáscara de noz, pelotas de fútbol feitas con papel de xornal e moitos outros xoguetes que os nosos maiores utilizaban na súa infancia para entreterse e desfrutar.
O que máis nos impresionou deste museo foi que ademais de observar e aprender, tamén puidemos tocar, manipular e xogar con moitos dos xoguetes que alí estaban.
Foi unha aventura moi emocionante que nos serviu para concienciarnos que con calquera obxecto que nos rodea podemos inventar un xoguete.



A nosa visita foi recollida pola Voz de Galicia, polo que xa somos famosos! Mirade, mirade!



martes, 11 de marzo de 2014

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O sábado 8 de marzo celebramos o Día da Muller Traballadora. 
Desde o colexio e a casa debemos estar comprometidos con esta labor, fomentando entre os máis pequenos/as a igualdade e o respecto.
Para tratar este tema botamos man dun fermoso conto de Adela Turín chamado "Rosa Caramelo". Adela é unha escritora moi comprometida e moitas das súas historias ("Arturo e Clementina", "Feliz catástrofe"...) son axeitadas para tratar a IGUALDADE e a COEDUCACIÓN na etapa de Educación Infantil. Estas tratan sobre o papel de loita e superación da muller nunha sociedade machista.



viernes, 7 de marzo de 2014

A NOSA FESTA PREHISTÓRICA

Aínda non ben rematado o Entroido, no Labartapedra decidimos pechar este acontecemento facendo unha enorme festa Prehistórica. Para iso retomamos o disfrace de cavernícolas e saímos a desfrutar dunha fermosa tarde soleada.
Aproveitando o guapos que nos puxemos, realizamos un pequeno desfile no que cada prehistórico/a ensinou as súas vestimentas aos demais compañeiro/as, menudos profesionais, desbordaban soltura e garbo!
Deseguido, cada aula meteuse no papel de prehistórico e comezou a simular a caza, a pesca, a recolección e todo o relacionado coa época.
Ao remate e para pechar esta tarde tan cavernícola, tomamos uns pequenos petiscos na compaña do tan desexado sol. 
Mirade, mirade!


martes, 4 de marzo de 2014

SORPRESA PARA ROCÍO

Como xa saberedes, durante estes días tivemos a sorte de ter con nós a profe Rocío. Pasou uns días en cada unha das tres aulas (dodos, tigres e mamuts) e puido ver como traballamos e axudarnos nas nosas tarefas diarias. Durante este tempo collémoslle moito cariño e pasámolo moi ben con ela e por iso quixemos despedirnos dun xeito moi especial. Para iso gravamos este vídeo no que podedes apreciar o noso talento diante das cámaras. Botarémoste moito de menos Rocío!

FELIZ ENTROIDO

Os Labartapedra desexámosvos que pasedes un entroido moi divertido cos vosos mellores disfraces e que aproveitedes para degustar os produtos típicos destas datas. Vémonos o xoves! Unha aperta.

miércoles, 26 de febrero de 2014

ORDE DO MECO PARA O XOVES

Que día máis raro foi o de hoxe, levantarse da cama e chegar ao cole co pixama posto. Nin que fose un soño!! Pero non fooooi.... estamos no entroido e toca facer tolemias! 

E...O XOVES VIRÁS VESTIDO CO TEU DISFRAZ PREFERIDO!


martes, 25 de febrero de 2014

ORDE DO MECO PARA O MÉRCORES

Este martes o Labarta Pose estivo desbordado pola elegancia coa que acudiron os alumn@s. Que día máis divertido! Estade preparados para o mércores que aí vos vai a orde!

SE O MÉRCORES TE QUERES DIVERTIR, 
UN PIXAMA DEBERÁS VESTIR.


lunes, 24 de febrero de 2014

ORDE DO MECO PARA O MARTES

Menudo luns que pasamos e que guapos estabades todos! Agora a polo martes! Lembrade que é acumulativo.

COMO O MARTES É UN DÍA IMPORTANTE, 
TERÁS QUE VIR ELEGANTE.


domingo, 23 de febrero de 2014

CHEGOU O ENTROIDO!

Durante a vindeira semana e co motivo da chegada do Entroido o Meco vainos a estar dando ordes. Hai que estar moi pendentes del cada día, xa que pode mandarnos facer calquera tolemia. O obxectivo é pasalo moi ben e facer desta festa un momento de diversión, alegría e moitas sorpresas.
A orde para este luns é:

O LUNS MOI LEDO VIRÁS E ALGO NA CARA PINTARÁS!


lunes, 10 de febrero de 2014

XOGA CO INVERNO!

Navegando pola rede atopamos este divertido LIM. Desexamos que desfrutedes do xogo e de paso coñezades cousiñas sobre o Inverno. 



miércoles, 5 de febrero de 2014

DÍA DA PAZ NO LABARTAPEDRA

Para o día da Paz, os nenos e nenas de Infantil traballamos moito. Elaboramos unha coroa de Paz pintando o símbolo con bastonciños de algodón, ensaiamos "Cantarela dos nenos" e escribimos mensaxes de Paz para acompañar un corazón de chocolate. Con este xogamos ao amigo invisible, cada alumn@ do colexio levou un corazón coa mensaxe feita por un compañeir@. A súa recollida foi xusto despois de realizar no patio a representación de "Cantarela dos nenos". Mirade como nos quedou!


viernes, 31 de enero de 2014

OBRADOIRO COOPERATIVO DE COLARES PREHISTÓRICOS

Aproveitando que o Entroido está á volta da esquina, desde Educación Infantil, decidimos elaborar uns colares para os nosos disfraces prehistóricos. Os colares levan elementos como cunchas, dentes ou boliñas. 
Para elaboralos utilizamos papel maché e barro branco, uns materiais fáciles de modelar e que unha vez secos se aproximan á textura dos orixinais.
Como podedes observar nas imaxes, levamos a cabo un obradoiro cooperativo, mesturando as tres clases e formando varios equipos de traballo. O obxectivo de cada equipo era o de elaborar 30 pezas dun dos elementos, é dicir, uns equipos encargáronse das cunchas, outros das boliñas e outros dos dentes. 
Menudo traballo! Mirade, mirade!


martes, 28 de enero de 2014

CANTARELA DOS NENOS PARA O DÍA DA PAZ

Este xoves celebramos O DÍA ESCOLAR DA PAZ E DA NON VIOLENCIA. Aínda que a PAZ é un tema que estamos traballando desde comezos de curso e o cal se debe ter moi presente todos os días do ano, nesta semana imos afondar un pouco máis.


Cada día estamos aprendendo e ensaiando unha canción para interpretala todos xuntos o día 30. Deixámosvos a letra para que a poidades cantar con nós.
Amiguiños todos
amiguiños xa
os nenos de aquí 
e os nenos de alá.
Os nenos do mundo
todos a cantar
a unha mesma voz
todos collidos da man.
Cantarela nosa
de amor e de paz,
sen penchas nin odios,
se falsa irmandá.
Rolda de sorrisos,
dende mar a mar,
corazóns abertos
ollos de amistar.
Amiguiños todos
amiguiños xa

os nenos de aquí 
e os nenos de alá.

Xosé Neira Vilas.



viernes, 24 de enero de 2014

TARDE DE CINEMA COS CROODS

Neste mes chegaron as sesións de cinema ao Labartapedra. Co motivo do profundo estudo que estamos levando a cabo coa Prehistoria, que mellor que ver un filme desenvolto nesta época. Como vestían, que comían, como andaban...
Coma en tódolos cines, non faltou o ticket para entrar, un bo acomodador e uns deliciosos flocos de millo.
Menuda tarde que pasamos e que película máis interesante! 


domingo, 5 de enero de 2014

BENVIDOS REIS MAGOS!

Despois da chegada dos Reis Magos, todos temos que ir cediño para a cama e así mañán poder comprobar tódolos agasallos que nos deixaron.
BOAS NOITES AMIG@S!


FELIZ ANO 2014!

Desde o Labartapedra e con todo o noso cariño, desexámosvos que teñades un Feliz Ano 2014!